top of page

Héctor Paleo Paz

Hector Paleo Paz.jpg
PROYECTO DE TESIS
Cidadanía e ideoloxía popularis na Tardía República (88-44 a.C).
Dirección de tesis doctoral: Pedro López Barja.
​

    O enfoque co que se adoita a abordar o estudo da cidadanía romana acostuma a poñer o foco ben na potencia política e ideolóxica desta institución como un instrumento romanizador, ben nas súas diferentes manifestacións xurídico-constitucionais. Neste sentido, aínda que a existencia de diferentes axendas políticas respecto da mesma é algo que se menciona e recoñece, a aparente relación entre unha concepción máis inclusiva da cidadanía e a ideoloxía popularis, por un lado, e un modelo máis restritivo e a familia ideolóxica dos optimates, polo outro, permanece sen analizar en profundidade. Este proxecto de investigación intenta poñer remedio a esta carencia, centrándose, por tanto, en analizar o papel que xogaba a cidadanía romana no discurso político da República tardía. O seu obxectivo é determinar se a relación entre este debate sobre como entender a cidadanía – se dunha forma máis restritiva ou máis inclusiva – e a divisoria optimates-populares é unha simple aparencia ou, pola contra, estamos ante unha cuestión central do debate ideolóxico da época.

    Neste sentido, estudarase o período que discorre desde a Guerra Social, concretamente desde a promulgación da lex Iulia (90 a. C), ata o asasinato de César (44 a. C.), onde analizaremos aquelas discusións políticas que xiraron dunha forma directa sobre a condición de cidadán e as súas implicacións xurídicas, políticas e ideolóxicas. Desta forma, os casos a investigar son catro: o primeiro deles é a integración dos novi cives por mor da vitoria romana na Guerra Social; o segundo corresponde ás discusións e iniciativas lexislativas que buscaban integrar os libertos nas tribos rústicas; o terceiro, xira en torno á lex Papia de Peregrinis (65 a. C.), que perseguía falsos testemuños de cidadanía co obxectivo de expulsar aos impostores de Roma; e no cuarto e último lugar, analizarase a concesión da cidadanía romana ao conxunto da Galia Cisalpina. Para isto, acudirase a un corpus documental que se divide fundamentalmente en dous grandes eixos. Por unha banda, analizarase o conxunto de fontes literarias referidas á República Tardía, cunha especial énfase en Cicerón, tanto pola inxente cantidade de obras conservadas da súa autoría, como pola natureza eminentemente política do seu contido. Por outra banda, e desde unha perspectiva xurídica, estudaranse o conxunto de textos lexislativos que conservamos tanto por vía epigráfica como literaria.

bottom of page